'NA VARANDA'

‘NA VARANDA’ | PROXECTO DE ARTE COA XENTE DOS BARRIOS E COLECTIVOS CIDADÁNS

“NA VARANDA. Proxecto de arte coa xente dos barrios e colectivos cidadáns” foi levada a cabo no Centro Galego de Arte Contemporánea, en colaboración con 7H Cooperativa Cultural, durante o curso 2018-2019. Unha proposta que parte da versatilidade do comisariado como ferramenta educativa e da necesidade de empoderar á cidadanía como produtora cultural dentro das institucións museísticas.

Durante o proceso misturáronse dinámicas do ámbito artístico, curatorial e educativo, convertendo ao público nun axente máis dentro dos procesos culturais do CGAC mediante o comisariado. O resultado dos talleres foi a exposición “Colectiva dun colectivo” que permanecerá no centro do 5 de xullo ao 1 setembro de 2019, a cal permitiu darlle voz a cidadanía mediante participación directa.

O grupo de 13 participantes, pertencente a diferentes colectivos da cidade, creou a súa propia exposición empregando obras do fondo da colección do Centro Galego de Arte Contemporánea, establecendo as súas propias necesidades de sentido sobre o patrimonio, e consolidando a construción dun espazo común dentro do museo. Un espazo para o diálogo entre o patrimonio e a comunidade, no que a institución actuou como unha plataforma onde dar sentido ás nosas propias narrativas en contraposición aos discursos hexemónicos.

Durante o proceso traballouse con conceptos e sensacións, a través da experiencia directa nunha interacción permanente entre a acción e a reflexión para xerar un proxecto real. Involucráronse co patrimonio e a cultura de xeito crítico, reflexivo e comprometido, ao mesmo tempo que se procurou un afianzamento das relacións entre a comunidade e os espazos públicos, partindo da construción de espazos comúns, sen delimitacións e dunha forma colaborativa e horizontal.

Folleto da exposición (acceso a través da páxina web do CGAC) >>

   Fotografía: Ramón Yoshimura.