'COR FORMA'

| EIRA DAS ARTES |

‘COR FORMA’ | EIRA DAS ARTES

Este mes de marzo tivo lugar o mercado Eira das Artes, promovido pola asociación cultural A Contorna, dedicado á arte, a artesanía e o deseño realizado na Coruña e arredores, e Plano Pementa estivo alí para desenvolver un dos seus obradoiros, como xa fixera colaborando en anteriores edicións da feira.

COR FORMA é o obradoiro realizado por Plano Pementa en colaboración con tallerdepolo para a Eira das Artes 2018, na Fundación Luis Seoane. Tanto o público adulto como o infantil puideron experimentar cos conceptos de espazo e cor inspirados pola obra do artista Carlos Maciá exposta na fundación, sentindo o vínculo entre o patio onde se celebraba a feira e as salas en que decorría a mostra, nunha rede de espazo exterior-interior que conectaba o real co imaxinado.

A exposición de Maciá, «A necesidade da cor», leva a pintura a outra dimensión e escapa do plano en volumes retortos que invitan a seguir co primeiro xogo infantil de experimentar coas pinturas máis atraentes. Así, o artista abre un diálogo co espazo e a arquitectura que nos acolle. Con isto, desenvolvemos a actividade entre a arquitectura do século XVIII do patio e os elementos máis contemporáneos dos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, descubrindo técnicas con que deixar unha pegada polícroma enzoufándonos nunha festa de pinturas e comprendendo o espazo como un compoñente máis da experiencia artística e diaria que nos conecta.

Imaxe: Iria L. @sucedeartevisual