PREGUNTAS & RESPOSTAS

NON TEÑO NIN IDEA DE QUE PRECISO PARA OS OBRADOIROS... ESTÁN OS MATERIAIS INCLUÍDOS?

O prezo dos obradoiros de Plano Pementa inclúe os materiais que poidamos precisar. Soamente en casos concretos, e sempre baixo previo aviso, podes ter que achegar algún material pola túa conta.
Outra cuestión é que o teu traballo ou proxecto necesite algún recurso concreto ou que ti poidas sentirte máis cómod* traballando cos teus propios materiais ou ferramentas, nese caso serán sempre benvidos.

PLANO PEMENTA ESTÁ LOCALIZADA NA CORUÑA... TRABALLADES UNICAMENTE DENTRO DA CIDADE? NA SÚA CONTORNA? DESPRAZÁDESVOS?

O Espazo Creativo de PLANO PEMENTA está situado na cidade da Coruña, mais estamos afincadas tamén en Lugo e Santiago de Compostela. Traballamos de forma habitual na contorna destas cidades, mais podemos desprazarnos sen problema para levar a cabo tanto obradoiros puntuais coma proxectos de longa duración.

A VERDADE É QUE NUNCA PENSARA EN ALGO DISTO... CÓMPRE TER ALGÚN COÑECEMENTO PREVIO?

Non, ningún. Traballaremos a través do proceso, polo que cada un de nós irá avanzando dende cadanseu punto de partida.
Isto non quere dicir que os nosos obradoiros estean bloqueados nunha fase inicial, en absoluto, senón que cremos no intercambio e no que cada persoa pode achegar, adaptando os contidos de forma absolutamente personalizada.
 

QUERÍA SOLICITAR UNHA PROPOSTA OU PROXECTO SITE SPECIFIC... CAL É O SISTEMA?

Os proxectos Site Specific son proxectos deseñados a medida para un contexto concreto.
Non hai maior ou menor rango, un grupo pequeno de usuari*s dunha biblioteca, un museo, un colectivo de asociacións… Cada situación debe valorarse de forma específica e individualizada.  Así, hai unha parte previa moi importante á realización do proxecto que consiste en avaliar e determinar cal é a necesidade específica e como queremos abordala. Neste proceso traballamos de forma conxunta, polo que o primeiro de todo sería poñernos en contacto e achegarnos para falar; a partir de aquí, cada caso xa é único.

SONCHE UNHA PERSOA MOI OCUPADA E NON SEI SE TEREI TANTO TEMPO... HAI QUE APUNTARSE AO CURSO COMPLETO? PODO UNIRME EN CALQUERA DATA?

Os obradoiros continuos están pensados como un camiño a percorrer ao longo do ano, mais, ao sermos conscientes de que non é posible dispor de tanto tempo libre como gustariamos, as xornadas están pensadas como traballo de día a día de forma independente. Da mesma maneira, os obradoiros pódense comezar en calquera momento. Non é preciso esperar ao inicio de cada trimestre, senón que o único necesario é ter as ganas de probar.
De ter calquera dúbida sobre o ritmo e dinámica dos obradoiros, animámoste a consultarnos e tamén vir probar unha sesión para xa así poder decidir.

PLANO PEMENTA É UNHA COOPERATIVA... QUE SERVIZOS OFERTADES? COMO É O VOSO FUNCIONAMENTO?

PLANO PEMENTA S. Coop. Galega é unha cooperativa sen ánimo de lucro dedicada á educación, investigación, xestión e creación artística e cultural. Entendemos o cooperativismo como a forma que mellor se axusta ao noso modo de facer e relacionarnos.
En PLANO PEMENTA traballamos tanto conxunta como individualmente, aproveitando as habelencias de cada unha de nós, así como as de aqueles profesionais cos que colaboramos habitualmente. Así, todas as propostas de PLANO PEMENTA teñen a seguridade de estaren avaladas pola equipa ao completo. Porén, tamén podes contactarnos de ter interese no traballo persoal de algunha de nós.

COMO FUNCIONA O ESPAZO CREATIVO... É UN COWORKING? CLASES PARTICULARES? TITORIZACIÓN DE PROXECTOS?​

A sede de PLANO PEMENTA non é unicamente o espazo onde teñen lugar os nosos obradoiros, senón que é un taller onde levar a cabo diferentes procesos creativos.
Cada curso buscamos catro proxectos e/ou persoas que precisen dunha formación intensiva específica ou dun espazo onde traballar en conxunto co asesoramento e axuda, tanto técnico como formal, que poidamos achegar. Entendéndoo dende a importancia de compartir e tecer redes, estas catro propostas teñen que encaixar tanto entre elas coma connosco e enmarcarse dentro do concepto de investigación e/ou creación.
Aquí podes consultar máis información. Ou, se prefires, escríbenos para contarte máis polo miúdo.

TEÑO ALGUNHAS IDEAS...COMO PODO DEIXAR O MEU COMENTARIO, SUXESTIÓN OU PROPOSTA?

Podes poñerte en contacto con PLANO PEMENTA a través do formulario que temos nesta mesma web pero, de tratarse de algo máis persoal ou de querer presentarnos algún tipo de proxecto, recomendámosche envialo a info@planopementa.es
Recibirás confirmación ao recibilo e trataremos de responder no menor tempo posible. Graciñas!!

AÍNDA NON SEI MOI BEN DE QUE VAI ISTO DE PLANO PEMENTA...

Pois achégate a visitarnos! Estaremos encantadas de resolver calquera dúbida en persoa e así, ademais, podes coñecer o noso espazo. Se por calquera razón te non podes achegar, ou o que queres é concertar unha visita,
non dubides en escribirnos un correo a ✉ info@planopementa.es ou chamarnos ao 📞881 88 45 06.